Metodoloxía, privacidade e aviso legal
Este documento reúne, nun só sitio, como se recollen e modéranse os datos do mapa (metodoloxía) e como tratamos os datos persoais conforme ao RGPD (privacidade e aviso legal). Última actualización: 2 de xuño de 2026.
Parte A · Metodoloxía de recollida de datos
1. Quen pode publicar e verificar
Calquera persoa, profesional do ensino público ou non, pode publicar un incumprimento ou verificar un xa publicado. Para evitar contidos automatizados ou anónimos sen rastro, esixímoslle a quen publica que se identifique mediante un correo electrónico real. Hai tres vías para facelo, todas equivalentes a efectos da denuncia:
- Magic link: introduces o correo e enviámoschoche unha ligazón para confirmar (sen contrasinal). É a opción por defecto.
- Contrasinal: tras a primeira entrada por magic link, pódese establecer un contrasinal no perfil para futuras sesións sen ter que abrir o correo cada vez.
- Conta Google: identifícase a través do propio servizo de Google (OAuth 2.0).
O sistema utiliza tamén Cloudflare Turnstile como protección antispam: ao iniciar a publicación, Cloudflare verifica que non hai un bot detrás. Este servizo procesa a dirección IP da persoa que envía o formulario unicamente para esa comprobación.
2. Centros educativos pechados
Os incumprimentos só se poden asociar a centros oficiais da rede pública galega: o listaxe ven directamente do portal de centros da Xunta (1067 centros). Iso impide que se inventen escolas ou se manipule a localización dos puntos.
3. Como se rexistra unha denuncia
A persoa que publica describe o feito (categoría, contexto, alcance) e
asocia o incumprimento ao centro afectado. As fotos dos centros toman
dende a ficha pública oficial da Xunta de cada centro
(edu.xunta.gal/centros/<código>) cun filtro automático que
rexeita as imaxes con persoas, igrexas ou edificios non escolares; e
a continuación o equipo de moderación dálles unha aprobación final.
4. Verificación cidadá
Cada incumprimento publicado pode ser verificado por outras persoas. As verificacións contabilízanse en dúas categorías independentes: profesorado e comunidade educativa (familias, alumnado, veciñanza, persoas afíns ao ensino público).
A categoría asígnase de forma automática en función do
dominio do correo electrónico co que se identifica a persoa: as contas
@edu.xunta.gal ou @edu.xunta.es contan como
profesorado; calquera outra como comunidade educativa.
Quen verifica non escolle a categoría a man, polo que non é posible
inflar artificialmente o reconto dunha banda.
A persoa si pode escoller se a súa verificación é pública (co seu nome visible e un comentario opcional) ou privada (só conta no total, sen amosar a autoría).
5. Moderación e correccións
A xestión do mapa apóiase en tres niveis de permisos:
- Verificador (rol por defecto): pode publicar incumprimentos e verificar os xa existentes.
- Moderador: ademais, atende solicitudes de revisión, aproba/rexeita as fotos automaticamente atopadas para os centros e pode editar ou ocultar incumprimentos manifestamente erróneos.
- Administrador: ademais, xestiona usuarios e categorías.
As publicacións eliminadas pola moderación conservan rexistro interno (soft delete) para auditoría; non se borran datos da base de forma permanente sen criterio. Calquera persoa usuaria pode tamén retirar as súas propias verificacións ou cambiar a privacidade dunha en concreto dende o seu perfil.
Parte B · Privacidade e aviso legal
6. Responsable do tratamento
O responsable deste sitio web e do tratamento dos datos é o colectivo Asembleas Abertas do Ensino Público — Ensino en Loita. Trátase dun colectivo asembleario sen ánimo de lucro que, a día de hoxe, non está constituído como asociación con personalidade xurídica propia.
Vía de contacto para calquera asunto relacionado coa protección de datos: incumprimentoswebmaster@gmail.com.
As decisións sobre que datos se recollen e para que se usan tómanse de forma colectiva nas asembleas do movemento. As persoas que integran a coordinación responden a este correo e xestionan as solicitudes de dereitos.
7. Que datos tratamos e con que finalidade
Recollemos só os datos imprescindibles para que a ferramenta funcione:
- Correo electrónico: para crear e autenticar a túa
conta e, se procede, para responderte. O dominio do correo
(
edu.xunta.gal/edu.xunta.es) úsase só para clasificar a verificación como "do profesorado" ou "da comunidade". - Nome visible que escollas e, opcionalmente, un URL de avatar: para amosar a autoría das verificacións públicas.
- Contido que publicas: incumprimentos, verificacións e comentarios. Este contido é público por natureza da ferramenta.
- Enderezo IP: tratado puntualmente polo servizo antibots no momento de enviar un formulario. Non se almacena para seguimento.
- Datos do formulario de contacto: nome, correo e a mensaxe que nos envíes, para atender a túa consulta.
Non usamos cookies de seguimento publicitario, nin elaboramos perfís, nin vendemos ou cedemos datos a terceiros con fins comerciais.
8. Base xurídica
- Consentimento (art. 6.1.a RGPD): ao crear conta, ao publicar ou verificar, e ao escribir polo formulario de contacto. Podes retiralo en calquera momento eliminando a conta ou os contidos.
- Interese lexítimo (art. 6.1.f RGPD): a prevención de abusos e bots (validación antibots e límites de envío), necesaria para manter a integridade do servizo.
9. Quen trata os datos pola nosa conta (encargados e destinatarios)
Para prestar o servizo apoiámonos en provedores tecnolóxicos. Cada un trata unicamente os datos necesarios para a súa función:
- Supabase — base de datos, autenticación e envío dos correos de confirmación. Datos aloxados na Unión Europea (Frankfurt, Alemaña). Política de privacidade de Supabase.
- Cloudflare Turnstile — detección de bots nos formularios; procesa o enderezo IP. Cloudflare ofrece tratamento na UE e cláusulas contractuais tipo para calquera transferencia. Política de privacidade de Cloudflare.
- FormSubmit — retransmite as mensaxes do formulario de contacto ao noso correo. É un servizo con sede nos Estados Unidos; ao usar o formulario, os datos que introduzas trátanse tamén alí (ver punto 10). formsubmit.co.
- Google — só se entras voluntariamente con "Continuar con Google" (OAuth 2.0). Nese caso Google sabe que iniciaches sesión nesta web. Podes evitalo usando o acceso por correo. Política de privacidade de Google.
10. Transferencias internacionais
O groso dos datos (conta, contidos) permanece na Unión Europea (Supabase, Frankfurt). Dúas funcións poden implicar tratamento fóra do Espazo Económico Europeo:
- O formulario de contacto (FormSubmit, EE.UU.).
- O acceso opcional con Google (EE.UU.).
Ambos os dous son de uso voluntario: podes contactar polos canais habituais das asembleas e acceder por correo sen recorrer a eles. Estas transferencias ampáranse nas cláusulas contractuais tipo aprobadas pola Comisión Europea. Estamos avaliando substituír FormSubmit por unha alternativa aloxada na UE.
11. Canto tempo conservamos os datos
Conservamos a conta e os contidos mentres a manteñas activa. Se eliminas a conta, as verificacións públicas anonimízanse (consérvanse os contadores, pero elimínase o nome e o comentario) e o resto dos datos da conta bórranse. As mensaxes do formulario de contacto consérvanse só o tempo necesario para atender a consulta.
12. Os teus dereitos
Podes exercer en calquera momento os dereitos que che recoñece o RGPD:
- Acceso, rectificación e portabilidade: consultar e corrixir o teu nome visible, avatar e comentarios dende o teu perfil, ou solicitalo polo correo de contacto.
- Supresión ("dereito ao esquecemento"): retirar verificacións concretas ou eliminar toda a conta dende o perfil.
- Limitación e oposición: escribindo ao correo de contacto.
- Retirada do consentimento: en calquera momento, sen que afecte á licitude do tratamento previo.
Para exercelos, escribe a incumprimentoswebmaster@gmail.com. Se consideras que non atendemos correctamente a túa solicitude, tes dereito a reclamar ante a Axencia Española de Protección de Datos (www.aepd.es).
13. Cookies
Este sitio non usa cookies de análise nin de publicidade. Empréganse unicamente as cookies e o almacenamento local estritamente necesarios para manter a túa sesión iniciada e o funcionamento básico da ferramenta. Por seren técnicas e imprescindibles, non requiren consentimento previo.
14. Aviso legal e responsabilidade sobre o contido
O contido publicado (incumprimentos e verificacións) é achegado pola comunidade. A coordinación modera para evitar abusos, pero non garante a exactitude de cada achega individual. As verificacións son testemuños de persoas usuarias, non resolucións oficiais. Se detectas un erro ou un contido inadecuado, avísanos polo formulario de contacto.
15. Proxecto en aberto
A ferramenta foi creada por Asembleas Abertas do Ensino Público – Ensino en Loita e é un proxecto colectivo. Para suxestións, correccións ou colaboración, podes contactar co equipo a través das asembleas abertas do colectivo.